O Consello Asesor da CRTVG e RTVE-G premia a campaña en liña do Grao de Historia da Universidade de Vigo

venres, 13 de maio do 2016 Marcus Fernández, Redacción

A axencia creativa coruñesa de marketing en liña, Nasas, vén de recibir o premio á Mellor Campaña na categoría de Internet nos XXIII Premios da Publicidade en Galego 2015 polo spot e campaña Fai Historia con Nós, realizado para promover o Grao de Historia da Universidade de Vigo.
O Consello Asesor de CRTVG e RTVE-G, que recibiu 110 candidaturas para 3 premios (Internet, televisión e radio) nesta edición dos seus Premios de Publicidade en Galego, recoñecen nestes premios o uso do galego na publicidade, sendo na categoría de Internet na que se recibiron máis inscricións nesta edición.
Fai historia con nós é unha campaña 360º na que, ademais do spot premiado, se distribuíron carteis, flyers e outros elementos promocionais nos que os protagonistas son personaxes históricos como Napoleón, Cleoplatra ou Frida Kalho mostradas ao mundo baixo a particular visión de Nasas, axencia especializada nun enfoque creativo da publicidade dixital e marketing en liña.
A gala dos XXIII Premios da Publicidade en Galego celebrouse no Parlamento de Galicia, onde a súa vicepresidenta primeira, Marta Rodríguez Arias, salientou que a publicidade na nosa lingua pasou de ter un “papel resiudal” nos anuncios publicitarios a contar cada vez con maior presenza. Os outros premiados foron na categoría de televisión, En Confianza de Gadis e na categoría de radio, Fogar de Estrella Galicia de Estrella Galicia.

Vídeo da campaña Fai Historia con Nós

PUBLICIDADE