O Congreso aproba a nova Lei Xeral de Telecomunicacións

martes, 29 de abril do 2014 Redacción

Tras moitos meses de tramitación, o Congreso dos Deputados aprobou hoxe a nova Lei Xeral de Telecomunicacións, texto que facilitará o despregamento de infraestruturas de telecomunicacións (por exemplo, eliminando a necesidade de permisos municipais no caso das redes fixas) e incrementa as competencias da CNMC (que poderá impor multas coercitivas que poderían chegar aos 30.000 euros diarios). Entre os obxectivos deste novo texto está o conseguir que todo o Estado poida gozar dunha cobertura de Internet a un mínimo de 10 Mbps en 2017 e dun mínimo de 30 Mbps en 2020, podendo chegar incluso aos 100 Mbps para a metade da poboación, para o que consideraron preciso reducir a burocracia, mudando as licenzas urbanísticas e medioambientais por declaracións responsables.
Espérase que esta Lei sexa beneficiosa para a Industria (que terá menos atrancos para facer o seu traballo), para os consumidores (que contaremos cunha mellor oferta de servizos e prezos máis atractivos) e para as administracións públicas (que optimizarán o número de trámites precisos e adoptarán unha función máis activa no caso da CNMC). De todos os xeitos, dende os grupos políticos minoritarios son críticos co novo texto, que consideran que carece das medidas de protección da saúde e o medio ambiente.

PUBLICIDADE