O Concello e a cidadanía de Santiago recolleron para a súa xestión máis dunha tonelada e media de refugallos electrónicos
mércores, 7 de marzo do 2018
Finalmente chegou
ao seu remate a campaña compostelá
Longa vida aos teus aparellos electrónicos!
Para celebralo e para conmemorar os importantes logros de
concienciación e participación obtidos (mancheas de refugallos TIC
e de electrodomésticos, amais baterías de todo tipo), os impulsores
da iniciativa (o Concello de Santiago a través da Concellería de
Medio Ambiente e Convivencia e a empresa Teimas a través de Tropa
Verde) organizaron este 6 de marzo unha xornada de divulgación,
O papel das cidades na Economía
Circular. A cita foi no edificio CERSIA
e contou con relatores de
referencia no ámbito da sustentabilidade tecnolóxica, o cambio
climático e as posibilidades importantes de aproveitamento que
ofrecen os refugallos TIC unha vez que entran en desuso. Segundo se
fixo saber, a campaña Longa vida
serviu para xestionar máis dunha tonelada e media de residuos
electrónicos e unha tonelada de pilas.
A iniciativa púxose en marcha no pasado mes de
xullo, enmarcada no programa Tropa Verde, que desenvolve a empresa
Teimas. Ao fío dela habilitáronse 15 puntos de recollida de
pequenos aparellos eléctricos e electrónicos e pilas en centros
socioculturais e polideportivos. Neles, os veciños e veciñas
fixeron entrega dun total de 1.531 quilos de material electrónico
desbotado e 1.051 quilos de pilas, e estímase que a súa correcta
xestión evitou a liberación de case 620 quilos de CO2 á atmosfera.
Esa cantidade é a equivalente ás emisións dun coche novo ao
percorrer preto de 3.800 quilómetros, informaron o Concello e
Teimas, que contaron (para o desenvolvemento do programa) coa
importante axuda das firmas Recyclia e Revertia, que impartiu
obradoiros de reacondicionamento de computadores refugados nos
centros socioculturais de Vite e O Ensanche. Neles puideron
participar un total de 30 persoas, que tomaron conciencia da
importancia que ten para o medio ambiente unha correcta xestión
deste tipo de aparellos e aprenderon os pasos a dar para darlles unha
segunda vida. Por último, a campaña Longa vida aos teus residuos
electrónicos completouse con charlas da Tropa Verde en
diferentes centros educativos.
Xornada de Economía Circular
Como dixemos, estes datos foron achegados no marco
da xornada O papel das cidades na economía circular, na que
participou o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro,
quen incidiu na pegada negativa que deixan os materiais tecnolóxicos
na natureza, que “son cada vez máis cuantiosos e que teñen un
alto poder contaminante”. Neste sentido, lembrou que a batería de
níquel dun teléfono móbil pode contaminar até 50.000 litros de
auga, e unha batería tipo botón, até 600.000 litros. Asemade,
lembrou aos presentes en que consiste a economía circular: “Un
sistema industrial que substitúe o concepto de caducidade polo de
restauración, e que ademais de beneficios ambientais claros pode ser
unha boa saída para a crise do emprego". Na xornada celebrada
participaron expertos como Anabel Rodríguez, directora executiva da
Fundación para a Economía Circular; Xavier Labandeira, catedrático
de Economía e director de Economics for Energy; José Pérez,
conselleiro delegado de Recyclia; Miguel Varela, xerente de Teimas
Desenvolvemento; e Alejo Calatayud, responsábel de comunicación de
Revertia.