O Concello e a Deputación de Ourense supervisan a vindeira sede de Provincia Intelixente

luns, 29 de xullo do 2019 Redacción

Este sábado 27 de xullo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Jácome, visitaron as dependencias de Abanca que darán acubillo á sede da iniciativa Provincia Intelixente e ao Centro de Intelixencia Artificial de Ourense. Estes proxectos, que comparten o nexo común de facer avanzar a provincia cara a vangarda dixital, veñen da man das dúas entidades que representan Baltar e Pérez Jácome, respectivamente.
Baltar salientou “o excelente estado” no que se atopa o edificio para acoller o que sería, nas súas palabras, “o gran centro local de emprego tecnolóxico”, en referencia á iniciativa Provincia Intelixente, un proxecto no que leva traballando a Deputación dende hai anos e que “vai abrir as súas portas nos vindeiros meses”, en colaboración con IBM (a través da filial Viewnext).
Respecto do Centro de Intelixencia Artificial, o Concello e a Deputación sinalaron que será un referente de innovación que situará a cidade na vangarda mundial da Intelixencia Artificial. Segundo fixeron saber, o feito de que este polo de innovación estea emprazado nas proximidades do que será o Centro Galego de Innovación na FP e a pouca distancia da Tecnópole, o Parque Tecnolóxico de Galicia, “fará deste espazo unha infraestrutura de futuro e innovación onde Concello e Deputación podemos poñer en valor Ourense cidade e Ourense provincia”.
Gonzalo Pérez Jácome valorou positivamente a “calidade das instalacións” e o seu carácter futurista, “a pesares de levar dúas décadas construído”. Segundo fixo saber, trátase dunhas instalacións que están preparadas para funcionar dende xa.
O alcalde de Ourense sinalou que este “non será o edificio definitivo da Intelixencia Artificial en Ourense, que deberá ter as súas propias instalacións, pero para dar inicio ao proxecto pode ser o máis propicio”. E engadiu: “Levamos unha moi boa impresión e imos ver se de aquí a uns meses estas instalacións acollen científicos traballando no futuro Centro de Intelixencia Artificial de Ourense”, expresou.

PUBLICIDADE