O Concello de Verín renova os equipos informáticos da biblioteca municipal
mércores, 29 de agosto do 2018
O
Concello
de Verín vén de apostar pola renovación dixital da Biblioteca
Municipal, e fíxoo equipando o edificio con equipos informáticos
novos. Segundo informa o Goberno local, os computadores vellos
estaban xa obsoletos, principalmente pola frecuencia de uso por parte
dos usuarios da biblioteca, polo que se fixo preciso substituílos e
ofrecer, deste maneira, un servizo óptimo á cidadanía.
Esta
mañá, a concelleira de Cultura e Educación, Emilia Somoza, visitou
a Biblioteca para comprobar o funcionamento dos novos equipos
ordenadores. A edil, na visita, salientou que esta medida responde á
demanda, cada vez máis ampla, dos usuarios que acoden ás
instalacións municipais para usar este tipo de servizo. “Dende a
Concellería de Educación e Cultura consideramos fundamental
garantir un acceso libre e gratuíto ás Tecnoloxías da Información
e Comunicación, as TIC tan precisas hoxe en día tanto no ámbito
educativo como no laboral”, comunicou.
Segundo
lembrou, instaláronse seis novos equipos informáticos completos
que, cun investimento de 1.320 euros, contan con acceso de balde á
Rede, paquete completo de ofimática e escáner. Dous dos
dispositivos están destinados a uso exclusivo de estudantes, mentres
que os outros catro, ademais desta tarefa, tamén poden ser usados
para consulta xeral. O tempo de uso para labores de estudo é
indefinido mentres que para uso ordinario de consulta estará
restrinxido a unha hora por usuario.