O Concello de Teo anuncia novas melloras nos seus centros educativos de cara ao Proxecto Abalar

luns, 30 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

O Concello de Teo asinou a pasada semana un acordo de colaboración co colexio de Calo destinado á mellora das infraestruturas eléctricas e de telecomunicacións do devandito centro educativo. O convenio, que complementa ao formalizado recentemente co CEIP da Ramallosa, foi presentado en tódolos seus detalles polo alcalde, Martiño Noriega, a concelleira de Educación, María Álvarez Garea e o director do CEIP da Igrexa Calo, José Luis Álvarez. Entre outras, establécese unha subvención directa para o colexio destinada a achegar cableado eléctrico e de rede en varias aulas do centro, con vistas á implantación do Proxecto Abalar en Calo.
Este proxecto da Xunta, como recordaremos, diríxese a inserir no día a día dos nosos colexios, no proceso educativo mesmo, o emprego das novas tecnoloxías da información e o coñecemento.
Segundo dixo María Álvarez durante a presentación ante os medios e a veciñanza deste acordo, “trátase dunha aposta decidida por apoiar a implantación das TICs nos colexios do Concello”. A edil María Álvarez destacou que a implantación “de Abalar nos colexios ten unhas esixencias técnicas para os centros que non asume a Administración autonómica e neste punto”, engadiu, “é o onde o Concello, sensible ás necesidades dos CEIPs, decide asumir parte desa preparación
técnica para que poidan participar do proxecto”.
O ano pasado “a subvención do Concello permitiu dotar de cableado eléctrico e de rede tres aulas de 5º de primaria e tres aulas de 6º de primaria no CEIP da Ramallosa, mentras que este ano se fará co colexio de Calo onde se preparán dúas aulas de 5º e dúas de 6º”, puntualizou. O investimento do Concello para a mellora tecnolóxica entre os dous centros superou os 3.000 euros.

PUBLICIDADE