O Concello de Santiago premia a e-Monte pola súa aposta de publicidade en galego

venres, 15 de xullo do 2016 Redacción

O Concello de Santiago vén de dar a coñecer as firmas galardoadas ca cuarta edición do Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego, convocado polos departamentos de Lingua e de Comercio. As dúas propostas gañadoras recibirán un premio de 5.000 euros cada unha para coller pulo e desenvolverse. Un dos recoñecementos foi para Catrineta, firma especializada na conserva de peixes e marisco con marca propia. O proxecto gañador, Conservas e outras artes, foi deseñado por Illa Bufarda e pretende aumentar a valoración do produto a través da proximidade e o consumo responsábel. O segundo premio recaeu en E-Monte Solucións Forestais, startup que fornece unha plataforma web para facilitar operacións de compra-venda entre a propiedade forestal e as empresas de madeira.
O proxecto gañador recibe o nome de #TeñoMonte e parte de que unha importante porcentaxe de monte non ten vinculación co rural, polo que precisa de acuda para a xestión e a venda de madeira. O obxectivo principal é dar a coñecer o devandito portal entre o seu público potencial. Ademais, proposta recoñecida polo Concello de Santiago procurará crear unha base de datos de propietarias e propietarios forestais en Compostela, contribuír á recollida de microtoponimia e á valorización do monte e das especies autóctonas.

PUBLICIDADE