O Concello de Santiago ofrece máis de 100 cursos online gratuítos en resposta á pandemia

mércores, 15 de abril do 2020 Fernando Sarasketa

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou hoxe que o Concello compostelán está a facer historia en materia tecnolóxica e formativa nestes tempos de Estado de Alarma e restricións de toda índole á actividade presencial, e faino coa que sería, nas súas palabras, “a maior oferta docente en liña dos últimos anos”, destinada a mitigas as consecuencias da crise sanitaria global a través de 1.500 prazas en máis dun centenar de cursos online de múltiples áreas profesionais. Estes cursos enmárcanse no programa Talentia Summit’20, a iniciativa para facer voar a creatividade, o espírito innovador e a empregabilidade da cidadanía. Abéirase, tamén, ao plan para a reactivación económica posto en marcha polo Concello. A inscricións nos cen cursos está aberta dende hoxe.
O rexedor animou á cidadanía a participar nestes cursos e a que “aproveiten esta oportunidade para mellorar a súa formación”, engadindo que “despois da crise” haberá grandes cambios, “que pasarán pola innovación e as novas tecnoloxías, e debemos aproveitar para posicionarnos neste novo escenario económico”.
Segundo fixo saber, o plan de formación online pretende abrir novas oportunidades “para a recualificación profesional, para adaptarnos ás necesidades cambiantes do mercado de traballo e reforzar a capacidade de recolocación das persoas demandantes de emprego entre sectores”.
Requisitos
Os únicos requirimentos para ter acceso a esta formación son: ter como mínimo 16 anos de idade e estar rexistrado/a no Padrón Municipal de Habitantes de Santiago. Os cursos online están dirixidos a persoas desempregadas, persoas traballadoras en ERTE, persoas empregadas en PEME e persoas autónomas.
Trátase dunha manchea de actividades cen por cen de balde, xa que están financiadas polo Concello de Santiago. Cada persoa poderá realizar un curso ao mesmo tempo, e cando o remate, poderá participar noutro se o desexa, ata que se finalicen as prazas.
A oferta, como dixemos, componse de 100 cursos online de diferentes áreas profesionais, cun total de 1.500 prazas dispoñíbeis. Serán 4.700 horas de formación.
Os/as participantes terán acceso ao material mediante unha plataforma de formación dixital operativa as 24 horas do día todas as xornadas da semana. Tamén disporán dunha titoría durante o horario laboral para a xestión de incidencias e control da progresión formativa. Recibirán un diploma acreditativo oficial ao completar satisfactoriamente o itinerario formativo.

PUBLICIDADE