O Concello de Santiago escoitará aos cidadáns por vía telemática

mércores, 22 de abril do 2015 Redacción

O responsable de Innovación do Concello de Santiago de Compostela, Fernando Suárez, presentou hoxe en rolda de prensa ParticipAPP, unha nova aplicación de participación cidadá, incluída na iniciativa Smart iAGO que permitirá ao Concello coñecer de primeira man a opinión da veciñanza sobre temas relevantes para a cidade. Así, a aplicación arrancará recollendo as suxestións cidadáns sobre a xestión de residuos, cara a telas en conta na elaboración do novo prego deste servizo.
A aplicación estará dispoñible nunha versión web e tamén como aplicación móbil para smartphones e tabletas iOS e Android. Os usuarios deberán rexistrarse na plataforma para poder participar na mesma.
Crearase así un espazo virtual de participación cidadá onde interactuar, comentar propostas de mellora para a cidade, informar dos avances do plan Smart iAGO, etc. Será un sitio web de utilización sinxela que potenciará a xeración de ideas e permitirá compartir exemplos de boas prácticas por parte da cidadanía.

PUBLICIDADE