O Concello de Santiago e a UCGAL lanzan un concurso en TikTok para impulsar a economía circular na mocidade

venres, 5 de novembro do 2021 S. P.

O Concello de Santiago de Compostela e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) uniron forzas a prol para contribuír á transformación sustentábel. Fano (entre outras cousas) cun concurso xuvenil que avoga por rematar coa cultura de usar e tirar, un dos grandes problemas ambientais aos que se nos enfrontamos e que cómpre corrixir antes de que sexa tarde demais, segundo sinalan o Concello e UCGAL. Deste compromiso xorde o concurso Conecta coa Economía Circular, que se lanza na rede social do TikTok. Está dirixido á rapazada de entre 13 e 17 anos, que vive ou estuda no municipio compostelán.
Segundo informan as entidades organizadoras, “esta proposta concienciar e sensibilizar á mocidade sobre á importancia de coidar a nosa contorna reducindo o noso impacto ao transitar a un modelo de economía circular que aposte pola reciclaxe, a reutilización, o aforro no consumo e actitudes conscientes sobre o bo uso dos recursos”.
Como dixemos, neste concurso poderán participar mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 17 anos que vivan ou estuden no concello de Santiago de Compostela. Para participar terán realizar un vídeo a través da aplicación TikTok centrado nas catro erres, ou sexa: reducir, reutilizar, reciclar e reparar. No audiovisual mostrarán a súa idea sobre a reciclaxe, como afrontan cuestións como a obsolescencia programada dos produtos (especialmente os tecnolóxicos) ou se son capaces de dar outra vida a algúns produtos ou materiais. Os vídeos a presentar deberán ter unha duración máxima dun minuto e utilizar o cancelo #EuCompost_Ela. Admitirase un vídeo por participante de estilo libre podendo incluírse humor, efectos especiais, baile... Os vídeos deberán ser orixinais e propios do autor ou autora.
O prazo para o envío das producións audiovisuais é do 4 ao 24 de novembro, ambos inclusive. Un xurado especializado conformado por representantes do Concello de Santiago de Compostela da UCGAL e Moncho Lemos, experto do audiovisual galego, elixirá aos tres gañadores do certame. O primeiro premio do concurso consiste nun vale por 200 euros para usar no comercio local compostelá. Tanto o segundo como o terceiro premiados/as recibirán un vale por 100 euros a gastar en establecementos de Santiago de Compostela. A Unión de Consumidores de Galicia contactará cos gañadores do certame mediante correo electrónico e/ou teléfono e fará entrega dos premios o día 2 de decembro, ao peche do faladoiro Arredor da economía circular. Este encontro entre a ciencia e o humor terá lugar ás 19:30 horas no Teatro Principal e nel participarán Eva Quiroga, bióloga especializada na Xestión do Desenvolvemento Sustentábel, e os actores e humoristas Fran Rei e Pedro Brandariz. O evento estará conducido polo divulgador científico Manuel Vicente, director e presentador do programa Efervesciencia da Radio Galega.

PUBLICIDADE