O Concello de Ribeira lanza un novo paquete de cursos online con 400 prazas de balde

venres, 12 de xuño do 2020 S. P.

O Concello de Ribeira informa de que o luns 15 de xuño abrirá o prazo para un novo paquete de cursos online gratuítos integrados dentro do Plan Ribeira Academy. Desta vez, serán un total de 400 as prazas dispoñíbeis. As actividades formativas están dirixidas de xeito específico a “persoas autónomas, que perderan o seu emprego durante o Estado de Alarma ou estean suxeitas a un expediente de regulación de emprego”. O obxectivo é axudalas a que poidan mellorar a súa empregabilidade. Ademais de pertencer aos colectivos antes descritos, cómpre que os participantes estean empadroados en Ribeira e teñan unha idade mínima de 16 anos.
O alumnado terá a súa disposición unha completa oferta de 500 cursos pertencentes a once áreas: comercio e marketing, edificación e obra civil, administración e xestión, hostalería e turismo, seguridade e medio ambiente, informática e comunicacións, prevención de riscos laborais, sanidade, idiomas, servizos socioculturais e á comunidade, e artes gráficas.
O número de máximo de cursos nos que unha persoa se pode anotar son dous. As inscricións terán lugar a través da web de Ribeira Academy, a partir do 15 de xuño e ata cubrir prazas. Asignaranse por orde de inscrición. As persoas que finalicen a formación con resultado positivo recibirán un diploma acreditativo.

PUBLICIDADE