O Concello de Rianxo convida á veciñanza a dar conta das áreas de cobertura móbil deficiente

venres, 10 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O ano 2020 comezou co compromiso das administracións para pór freo á fenda de comunicacións que separa as vilas e cidades dos núcleos de poboación máis miúdos e illados do noso rural. Estamos a falar do acordo específico asinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e a Federación Galega de Municipios (FEGAMP), un acordo marco para permitir aos concellos mellorar as comunicacións móbiles no rural. Desde principios de xaneiro e ata mediados de febreiro os municipios interesados poderán realizar a solicitude de adhesión ao programa autonómico para facilitar o servizo da dita tecnoloxía a través da FEGAMP.
Neste senso, o Goberno local de Rianxo xa anunciou que fornecerá a AMTEGA de información detallada sobre as parcelas municipais necesarias para a instalación de antenas destinadas a cubrir as eivas nas zonas indicadas, especialmente nos núcleos rurais.
Logo, a axencia autonómica fará as comprobacións oportunas sobre o terreo e determinará con criterios técnicos obxectivos as zonas nas que actuar para iniciar o concurso para as operadoras interesadas.
O Concello, co fin de axilizar as xestións e asegurar a máxima participación, puxo ao dispor da veciñanza unha enquisa para recadar información sobre as zonas con cobertura móbil deficiente.
Requisitos a ter en conta
No acordo asinado por AMTEGA e a FEGAMP faise saber a aqueles concellos que cumpran cos requirimentos (ter deficiencias en comunicacións móbiles, en base ao mapa de cobertura elaborado pola AMTEGA en colaboración co COETG, o Colexio de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia) integraranse nun proxecto que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador publico RETEGAL para a construción das torres e unha convocatoria publica a operadores en concorrencia competitiva. O seguinte paso será a adxudicación do proxecto, prevista para finais do primeiro semestre do 2020 co obxectivos de completar a construción da totalidade das torres nun prazo de dous anos.
Segundo informaron AMTEGA e a FEGAMP, desta actuación, que conta cun investimento público de 5 millóns de euros, poderán beneficiarse núcleos de ata 118 concellos do ámbito rural “nos que se ten detectado algún problema coa cobertura móbil”, a maior parte deles núcleos con menos de 10 habitantes pero “algúns rexistrando gran circulación de persoas ao tratarse de destinos turísticos ou zonas situadas no Camiño de Santiago”, engadiron.

PUBLICIDADE