O Concello de Pontevedra e Aurea levarán fibra óptica a máis de 1.000 veciños do rural

xoves, 28 de novembro do 2019 Redacción

Este mes de novembro o Concello de Pontevedra deu a coñecer os detalles dun acordo coa empresa de telecomunicacións Aurea para mellorar a cobertura dixital de varias contornas rurais do concello. En concreto, o convenio determina o achegamento de fibra óptica avanzada para os lugares de Cardosa, Hermida, Barcia, Pazos e Freixeiro das parroquias de Marcón e Mourente.
A cambio desta colaboración, a empresa ofrecerá fibra óptica de balde ás instalacións municipais, neste caso será ao colexio e ao pavillón de Marcón. Trátase dun convenio de 4 anos coa posíbel prórroga doutros 4 anos máis, informou o Goberno local. O obxectivo: que as novas tecnoloxías cheguen canto antes ao rural.
A representante de Aurea Enerxía, Beatriz Estévez Martínez, unha empresa galega de Ponte Caldelas, creada en 2016 e integrante do grupo Eléctrica Los Molinos que ten 112 anos de existencia, explicou que con este convenio preténdese “chegar a unha poboación de 1.054 usuarios individuais, e a intención da empresa é ir ampliando a fibra óptica polo rural galego”.

PUBLICIDADE