O Concello de Lugo pon a punto a aula CeMIT de Lamas de Prado

venres, 25 de outubro do 2019 Redacción

A aula CeMIT do Castiñeiro en Lugo (o Centro para a Modernización Tecnolóxica de Lamas de Prado), un dos centros neurálxicos da cidade en materia de divulgación e formación dixital, está a ser obxecto de melloras. A alcaldesa Lara Méndez deu onte conta dos labores de posta a punto, que pasan por amañar as filtracións de auga detectadas no edificio, unhas filtracións que teñen especial incidencia na fachada que dá á rúa Juana la Loca, onde é preciso picar o sollado de formigón que se atopa afectado polo asentamento do terreo. Amais farase un selado en todas as vertentes do inmóbel, “para evitar que se produzan problemas semellantes”.
Os traballos, que teñen un prazo de execución dun mes, están orzamentados en 8.452’43€ (IVE incluído) e, segundo fixo saber a alcaldesa, “terán repercusión tanto no aspecto estético da construción como na confortabilidade do centro”. As tarefas a desenvolver complementaranse co acondicionamento das escaleiras de madeira que dan acceso ao andar baixo, que serán lixadas e vernizadas ao igual que o resto do material de carpintaría.
Lara Méndez fixo fincapé no “importante papel dinamizador” que xogan estas instalacións tecnolóxicas no barrio no que se emprazan, así como “o labor didáctico que se desenvolve nelas”, xa que “ademais de contar cunha ampla programación formativa de xeito continuado facilítase a disposición das aulas ás asociacións locais para que poidan desenvolver nelas as súas actividades”.

PUBLICIDADE