O Concello de Lugo mostra ás familias e o profesorado os riscos dun mal uso de Internet

mércores, 13 de decembro do 2017 Redacción

Hoxe celébrase en Lugo unha xornada divulgativa para convidarnos a reflexionar sobre a faciana negativa das novas tecnoloxías, a que vén derivada dun mal uso das mesmas e que se traduce en cousas como acoso dixital (ciberacoso), adiccións ou trastornos de conduta. A xornada vén da man da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Inclusión que dirixe Ana González Abelleira. Será unha cita de balde, dirixida sobre todo a familias e docentes e cuxa temática principal, como dixemos, versará sobre o uso das novas tecnoloxías dixitais, principalmente internet, móbiles e redes sociais, sen riscos en adolescentes. O encontro celebrarase no auditorio do Vello Cárcere a partir das 19:00 horas. A asistencia é de balde pero é preciso inscribirse a través do Servizo de Información Municipal 010.
A xornada será impartida por Jorge Flores Fernández, licenciado en informática e autor de varias publicacións e materiais didácticos relacionados co usos seguro das TIC. Segundo informa o Concello de Lugo, un dos obxectivos desta convocatoria é “dar a coñecer como viven as e os adolescentes a súa vida dixital, identificar cales son os retos e as estratexias preventivas, así como pór en valor e potenciar as oportunidades que brinda a actual sociedade conectada a Internet”. A iniciativa, organizada pola entidade local (a Concellería de Ana Abelleira) xunto ao colectivo Pantallas Amigas, quere ser tamén unha chamada de atención ás nais e aos pais, aos docentes e aos profesionais que traballan coa mocidade en diversos ámbitos (educación, saúde ou acción social), sobre a importancia dun bo uso das novas tecnoloxías entre os menores, “que son vítimas de un de cada catro delitos informáticos”, explican dende o departamento local de Benestar Social e Igualdade.
En concreto, abordaranse os seguintes aspectos: Internet, riscos e oportunidades para nenos e nenas e adolescentes, clasificación dos riscos, uso das principais redes sociais, contidos nocivos como o ciberacoso, ciberbullyng, sextorsión, revenge porn ou ciberviolencia de xénero, así como a detección de problemas ergonómicos e psicosociais derivados dun uso abusivo das redes, a privacidade no móbil, os videoxogos, as medidas a tomar no fogar para previr un mal uso e lugares de referencia para pedir axuda.

PUBLICIDADE