O Concello de Lugo inicia unhas xornadas para mostrar á mocidade hábitos dixitais saudábeis

luns, 15 de marzo do 2021 S. P.

O Concello de Lugo (a través do Servizo Municipal de Prevención de Drogas) vai organizar unha serie de actividades de formación e sensibilización para mostrar á mocidade xeitos saudábeis e racionais de tirar proveito das novas tecnoloxías da información. Foron dadas a coñecer este sábado pola concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira. Trátase dunhas xornadas online de adiccións sen substancias, organizadas no marco da programación do +Xti, e subvencionadas polo Plan Nacional de Drogas.
A edil destacou que “abondando no coñecemento do contexto social da mocidade lucense, nos seus hábitos e condutas, dende a área de Xuventude queremos seguir traballando na promoción de pautas saudábeis para que a rapazada atope unha alternativa de ocio e entretemento acorde non só a súa idade senón tamén encamiñada ao seu propio benestar e coidado persoal”.
Ana Abelleira destacou, alén, que a programación prevista levarase a cabo adaptándose ás circunstancias sanitarias da pandemia.
As actividades, que comezarán este luns 15 de marzo, poderán seguirse a través da Lugomasxti.org.
Iniciará estas charlas, dirixidas ao público xuvenil, profesionais e familias, a doutora en Psicoloxía, docente e investigadora, Patricia Gómez Salgado, co relatorio Relacións e redes: practiquemos o bo trato.
Sobre relacións dixitais, sexualidade, contidos e hipersexualidade falará a psicóloga xeral sanitaria e social Janet Díaz Portela; e os videoxogos, xogos de apostas e redes sociais serán abordadas, como armas de dobre fío polo psicólogo social, deportivo, laboral e educativo Iván Pico Martínez.
Completa o cartel o delegado de Participación Cidadá da Comisaría de Policía de Lugo, Rubén Darío Veiga, que afondará nos riscos e perigos das redes: as responsabilidades penais.
Unha vez rematados os relatorios, as persoas interesadas en participar, poderán trasladar as súas dúbidas empregando o enderezo electrónico prevenciondrogas@lugo.gal.

PUBLICIDADE