O Concello de Lugo fortalece os negocios cun curso de balde sobre mercadotecnia dixital

luns, 4 de maio do 2020 S. P.

O Concello de Lugo organizou unha nova actividade formativa directamente encamiñada a axudar ás empresas locais a dixitalizarse e, en consecuencia, afrontar fortalecidas o proceso de desescalada e de volta á normalidade. Trátase dun curso sobre mercadotecnia dixital abeirado á estratexia AbrindoLugo.online. Dotará aos participantes de recursos para facer uso das redes sociais e facilitar a comunicación cos seus clientes de cara a reapertura das súas empresas ou locais comerciais. O curso desenvolverase online ao longo desta semana.
Os interesados poderán inscribirse xa na Rede, e recibirán un correo electrónico de confirmación e máis a ligazón á plataforma a través da que se impartirá a formación.
O curso, organizado polo Concello da Área de Desenvolvemento Local e Emprego, é cen por cen de balde e contará cun total de 10 horas de formación en marketing dixital, redes sociais e comunicación en liña. Celebrarase dende o luns 4 ao venres, 8 de maio, en horario de 18:30 a 20:30 horas.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, explicou que o obxectivo deste novo curso é optimizar a presenza do pequeno comercio lucense nas redes sociais, Facebook e Instagram, apoiándose nas ferramentas que ofrecen estas plataformas para a venda dixital, a xestión de citas previas, ou a difusión de contido e facilitar a comunicación co cliente a través de WhatsApp e Mailchimp, para desenvolver unha campaña en liña cos clientes.
A formación online divídese en 8 módulos nos que o comerciante explorará diferentes aspectos, desde como publicar un post en redes sociais, ata como mandar unha mensaxe por WhatsApp, para que o cliente poida finalizar unha compra.
O curso parte “da necesidade actual do pequeno comercio de establecer un sistema de contacto efectivo cos seus clientes, con independencia de se o establecemento físico fica aberto, para a venda dos seus produtos, sen necesidade de facer un desembolso económico forte, nin ter que adaptarse á xestión dunha plataforma de comercio online, co investimento en tempo e diñeiro que iso implica”, engadiu co concelleiro.

PUBLICIDADE