O Concello de Lugo e a EOI achegan formación online a autónomos e emprendedores para superar a crise

xoves, 23 de abril do 2020 S. P.

O Concello de Lugo puxo en marcha este xoves unha iniciativa de formación para achegar asesoramento online a emprendedores e autónomos do municipio con vistas a fortalecer as súas empresas durante a pandemia e que poidan saír reforzadas cando reabran. O arrinque do proxecto foi auspiciado polo secretario xeral do Ministerio de Industria Raúl Blanco Díaz e maila alcaldesa Lara Méndez. O programa de capacitación, pioneiro no concello, foi impulsado pola Escola de Organización Industrial e o Goberno local.
No comezo do proxecto piloto o secretario entrou a saudar aos participantes a través de vídeo-conferencia, xunto coa rexedora, que coincidiu con Raúl Blanco á hora de salientar “a importancia desta iniciativa, que se desenvolverá para facer fronte e minimizar o impacto da pandemia na economía lucense”.
Un total de 80 emprendedores e autónomos participaron na primeira asesoría, que impartiu Mónica Álvarez, socia directora na empresa lucense Álvarez Real, que falou da reestruturación financeira e das liñas públicas de apoio no Marco del COVID-19 en Lugo.
Raúl Blanco avanzou tamén as medidas fiscais e os apoios aos autónomos postas en marcha polo Goberno central e polo goberno local.
A alcaldesa, que estivo acompañada do edil Mauricio Repetto, lembrou que “este programa de consolidación empresarial será impartido por titores e consultores da EOI de forma desinteresada”.
Pola parte da EOI, estiveron presentes Javier Benito, director de Aceleración Empresarial, e Nieves Oliveira, directora xeral.
Toda a actividade desenvolverase en liña mediante a plataforma de eLearning (ensino a distancia) que a EOI xa ten en marcha co Concello para a formación dos participantes no programa Inicia Coworking. Os seminarios están deseñados para apoiar a micropemes e autónomos, ofrecéndolles ferramentas que lles axuden a enfrontarse á situación actual e a reactivar os seus negocios.

PUBLICIDADE