O Concello de Lugo combaterá co WhatsApp a violencia de xénero nos centros docentes

mércores, 16 de agosto do 2023 S. P.

O Executivo de Lara Méndez porá en marcha este próximo curso escolar un servizo de asesoría en liña a través do que se prestará asistencia e apoio en materia de igualdade e violencia de xénero ao alumnado dos catro cursos de ESO e FP, así como á comunidade estudantil de 5º e 6º de Educación Primaria. A iniciativa enmarcase dentro do Programa Socioeducativo de Prevención das Violencias Machistas ao que poden adscribirse todos os centros escolares do municipio.
“O obxectivo desta innovadora medida é detectar diferentes manifestacións da violencia de xénero, especialmente as máis invisíbeis e sutís, ofrecendo un punto de asesoramento inmediato e información en liña a través da aplicación WhatsApp, aproveitando así a enorme instauración desta canle entre a mocidade”, sinalou Ana González Abelleira, responsable da área de Cohesión Social.
Segundo lembrou a edil, o Programa vense realizando, co actual formato, dende 2016. No pasado curso participaron 6 dos 9 institutos da cidade e 11 colexios dun total de 14. “Cremos firmemente que a coeducación é o mellor instrumento para a promoción dun proceso de transformación social que cemente as bases dunha sociedade onde a igualdade sexa real e efectiva. Dende esta base, o programa está deseñado cunha tripla perspectiva: transversal, multidisciplinar e integradora”, explicou González Abelleira, que destacou que o contido educativo adáptanse a cada nivel de idade.
Segundo fixo saber, a asesoría en liña non é a única novidade introducida polo Goberno de Lara Méndez para este curso: “A comunidade escolar contará tamén cunha asesoría presencial que cumpre os mesmos obxectivos e que diversifica as opcións que a mocidade ten para acceder á información ou solicitar axuda”, sinalou.
De forma complementaria, organizaranse xornadas de sensibilización dirixidas ao profesorado e ás familias do alumnado daqueles centros que así o soliciten. Ademais, durante os recreos ou titorías, dependendo das necesidades de cada centro, o Concello instalará Puntos Violetas Itinerantes para detectar manifestacións sexistas.

PUBLICIDADE