O Concello de Lugo amosa como tirar partido das redes sociais na busca de traballo

martes, 23 de maio do 2017 Redacción

O Concello de Lugo vai organizar este mes de xuño cinco novas xornadas formativas destinadas a achandar o camiño laboral de persoas desempregadas. A nova iniciativa, que é de balde e vén da man da Concellería de Economía e Emprego que dirixe Ana Prieto, ten unha clara vertente tecnolóxico-dixital. De feito, amosaranse aos participantes cousas como facer marca persoal nas comunidades en liña, buscar emprego nas redes sociais, ou empregar a fondo o portal de Eures. Os obradoiros abrollan directamente do compromiso do Goberno local coas políticas de inserción laboral e loita contra o desemprego, “un grave problema para miles de lucenses que queren traballar e non poden”. Os dous primeiros obradoiros son Como realizar un currículo atractivo (12 de xuño) e Marca persoal e busca de emprego a través das redes sociais (día 13).
A continuación, será a quenda de Probas para a selección de postos de traballo (día 14), A Rede Eures. O portal de busca de emprego de Europa (día 15) e Como realizar con éxito unha entrevista de traballo (día 16). O horario no que se impartirán as sesións é de 10:00 a 13:00 horas. As prazas son limitadas, polo que, en palabras do Concello, “os interesados deberán anotarse canto antes”. O prazo de inscrición está aberto dende xa e até o 7 de xuño. Para apuntarse é preciso enviar cuberta unha ficha de solicitude (que se pode descargar na web do Concello a espazolab@concellodelugo.org) ou ben entregala nas propias instalacións do Espazo Lab, o Centro de Formación e Orientación Laboral do Concello de Lugo.

PUBLICIDADE