O Concello de Lugo adxudica o equipamento TIC dos seus novos centros públicos

xoves, 7 de xullo do 2016 Redacción

A xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou este mércores a adxudicación a Nortconsulting do subministro e instalación do equipamento informático no edificio de Novas Tecnoloxías que se está a acondicionar na Praza Anxo Fernández Gómez, e no centro cultural do Vello Cárcere. O valor da adxudicación é de 74.300 euros, segundo avanzou o voceiro municipal Miguel Fernández, quen engadiu que se van adquirir 36 ordenadores, 3 impresoras, dous televisores, dous soportes para televisor e seis licenzas de programas e software informáticos para o edificio de Novas Tecnoloxías por importe de 65.250 euros, e catro ordenadores e dúas impresoras para o Vello Cárcere, por uns 9.000 euros.
Lembrar que o devandito inmóbel adicado ás TIC atópase arestora en proceso de construción na devandita Praza de Anxo Fernández Gómez. Coa outra infraestrutura, o Vello Cárcere, quérese achegar un centro cultural referente no edificio rehabilitado do antigo cárcere do partido xudicial. A intención do Concello é que este novo espazo público abra as súas portas á veciñanza antes de remate o ano.

PUBLICIDADE