O Concello de Foz organiza obradoiros de Administración Electrónica para a veciñanza

mércores, 24 de febreiro do 2010 Raquel Noya

Dende hoxe, e ata o vindeiro mércores, día 3 de marzo, o Concello lugués de Foz vai impartir diversos obradoiros de formación en Administración Electrónica sobre o 060, un servizo en liña para a cidadanía que conxuga información, trámites e xestións coas diferentes administracións, e que os veciños e veciñas do lugar poden aproveitar para as súas relacións coa administración local.
Os cursos comezan coa difusión dun stand publicitario en varios lugares de Foz para dar a coñecer os obradoiros que terán lugar na localidade e que xirarán en torno aos trámites en liña coas administracións, o emprego do DNI electrónico, o uso das aplicacións móbiles…
Mañá xoves, 25 de febreiro en concreto, as asociacións de mulleres do lugar terán un taller dedicado especialmente a elas, a partir das 16:00 horas no Telecentro da Casa da Xuventude.
Posteriormente, o venres 26 de febreiro, a partir das 11:00 horas no mesmo escenario serán as persoas desempregadas as que reciban un obradoiro enfocado á procura de emprego, así como á tramitación da documentación a través da Rede.
A partir das 14:00 horas. será o persoal do Concello o que acuda a un taller sobre a información e trámites das administracións, así como do DNI electrónico e os distintos trámites en liña.
O mércores, 3 de marzo, tocaralle o turno ao público en xeral, que poderá asistir a un Taller de Administración Electrónica sobre o 060 no que aprender como atopar información sobre administracións, realizar trámites en liña, usar o DNI electrónico...será a partir das 20:00 horas no Telecentro da Casa da Xuventude.
Asemade, para o empresarios e empresarias da zona, o Concello de Foz ten preparadas unhas Xornadas Tecnolóxicas, que se repartirán en dúas sesións: unha primeira que versará sobra a Administración electrónica (o 060), que terá lugar o 1 de marzo a partir das 20:00 horas e unha segunda sesión na que se desenvolverá un taller de Utilidades Móbiles, tamén a partir das 20:00 horas do martes día 2.
Neste obradoiro, que terá lugar no mesmo lugar, a empresa Xestión Celular de Vodafone impartirá un relatorio sobre novos dispositivos, ferramentas e solucións móbiles para o mundo empresarial, para coñecer como optimizar os recursos e como aproveitar as ferramentas móbiles para mellorar o seu negocio.
As persoas interesadas en obter máis información ou inscribirse nos cursos, deberán poñerse en contacto coa Delegación de Xuventude do Concello de Foz, no teléfono 982 133 037, ou por correo electrónico.

PUBLICIDADE