O Concello de Ferrol pon en marcha unha nova web para o impulso do galego

mércores, 7 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O Concello de Ferrol quere tirar partido da Rede para impulsar o uso do galego entre a cidadanía. E faino a través de ferrolconlingua.com, unha nova web deseñada para darlle a máxima difusión ás actividades de promoción do idioma que se desenvolven dende o Gabinete de Normalización Lingüística do Concello (GNL). A web, referenciada estes días en Chuza!, inclúe diferentes apartados (infancia, mocidade, toponimia, mercados, deportes, infancia, etc) distribuídos por separado pero presentando un alicerce común: a lingua. “Dende o GNL”, informan os responsables da páxina, “traballamos para buscar unha implicación real das entidades, as organizacións, as asociacións e de todas as persoas interesadas en participar”.
Atendendo a esta declaración de intencións, a páxina web preséntase polo tanto como un espazo aberto, emisora pero tamén receptora de todo tipo de propostas para reactivar o emprego do galego en Ferrol e no seu contorno. A idea, di o Concello, é dinamizar o idioma en espazos visibles e estratéxicos.

PUBLICIDADE