O Concello de Ferrol amosa ás comerciantes como ampliar vendas e clientes na Rede

venres, 22 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Ferrol iniciou esta semana, na sala interactiva da Casa da Muller, un obradoiro destinado a desvelar ás profesionais e emprendedoras como ampliar a carteira de clientes e os espazos de venda botando man das novas tecnoloxías. O obradoiro Quero vender online é un curso formativo de 35 horas para o que se ofertaron, de balde, 15 prazas. Segundo informa o Concello, a demanda foi tan alta, e tan boa a acollida, que houbo que organizar as inscritas en dous grupos de traballo para “dar resposta ao alto número de peticións”.
As clases impártense os mércores e os sábados de 10 a 14h. Este obradoiro organizado desde a Área de Muller vai dirixido a mulleres empadroadas no Concello de Ferrol que teñan tenda física e queiran aprender a vender por Internet, e para mulleres que tendo ideas de produtos non teñan o coñecemento nin as ferramentas para construír a súa tenda en liña.
A organización do curso explica que ao abeiro do mesmo vaise traballar coas diversas redes sociais que poden utilizarse como ferramentas de venda de produtos, e amosaranse diversos programas como Virtual Composer para o deseño e maquetado de webs de tendas en liña ou o manexo da plataforma WooComerce (plataforma de tenda dixital de Wordpress)

PUBLICIDADE