O Concello de Coruña instala unha nova marquesiña interactiva nos Castros

xoves, 12 de xaneiro do 2023 S. P.

O Concello da Coruña instalou os días pasados, no barrio dos Castros, unha nova marquesiña interactiva na parada que se atopa á altura da avenida da Pasaxe, 15. Esta nova estrutura financiouse nun 80% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Segundo informaron fontes do Consistorio, a nova marquesiña conta con información en tempo real das liñas de autobús urbano, notificacións sobre o tráfico da cidade e outro tipo de asuntos de interese para a cidadanía a través dunha pantalla.
Por outra banda, o dispositivo vén equipado con cámaras que inclúen sistemas baseados na Intelixencia Artificial, que, en palabras do Concello, “permitirán ter un control instantáneo do número de persoas que soben e baixan do autobús, de posíbeis incidencias na contorna, dos tempos de agarda ou de vehículos mal estacionados na parada”. O Concello disporá destes datos en tempo real para poder actuar e mellorar o servizo.
Ademais das pantallas informativas, dispón tamén dun módulo que permite ás persoas usuarias da tarxeta Millennium saber o saldo que teñen dispoñible. A contaxe de usuarios da parada aportará datos que permitirán ao servizo de Mobilidade coñecer en detalle o fluxo de viaxeiros para permitir melloras no deseño das liñas. A nova marquesiña súmase á tamén renovada durante o actual mandato no mesmo barrio, emprazada diante do ascensor que facilita, desde novembro do 2021, a accesibilidade á zona alta dos Castros.

PUBLICIDADE