O Concello de Brión reforza o seu servizo de información ós veciños vía SMS

venres, 23 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Sobre Administración Electrónica pódese falar de diversos xeitos. En abstracto (referíndonos a todo o conxunto das institucións) ou a través de medidas concretas postas en marcha por entidades públicas con nomes que todos recoñecemos. Se cadra son precisamente estas últimas, malia seren xeralmente moi específicas, as que máis luz achegan sobre as vantaxes de achegar tecnolóxica no trato entre cidadáns e institucións.
Algo disto (de achegar servizos de nova Administración e, ó mesmo tempo, de ofrecer información sobre os seus beneficios) hai nunha iniciativa concreta do Concello de Brión, que vai potenciar a comunicación cos veciños e coas veciñas a través de mensaxes breves de texto ós seus móbiles, SMS.
A proposta, que non é nova e que se remonta a 2004 (cunhas 600 persoas rexistradas no sistema), recibe agora un novo pulo, ampliándose o abano de informacións subministradas. Segundo explica o propio Concello, a través das mensaxes SMS, “os veciños estarán puntualmente ó tanto sobre cuestións de interese como administración xeral, urbanismo, cultura, xuventude, servizos sociais, voluntariado, deportes ou emprego”.
Para darse de alta, só é preciso cumprimentar un formulario de solicitude, que se pode descargar na web do Concello e entregalo nas Oficinas Municipais ou na Casa da Cultura. O Concello de Brión comprométese a protexer estes datos e a que só sexan empregados para enviarlles a información solicitada vía SMS.

PUBLICIDADE