O Concello de Boiro achega á cidadanía á eAdministración con vídeos en YouTube

xoves, 28 de maio do 2020 S. P.

O Concello de Boiro fixo nesta crise sanitaria un esforzo especial para garantir a plena interrelación coa cidadanía a través das vías telemáticas e telefónicas, facendo posíbel ás veciñas e veciños todo tipo de trámites online. Este compromiso co tecnolóxico segue en activo, e este xoves 28 o Goberno local deu a coñecer un novo vídeo-titorial sobre como facer, paso a paso, comunicacións en materia urbanística a través da Rede (por exemplo solicitudes de licencias de obras menores que se teñen que facer por declaración responsábel, de conservación e mantemento).
O vídeo forma parte dun programa de pílulas de divulgación publicadas na canle de YouTube do Concello para facilitar á poboación todos os medios en materia de xestión telemáticas, ceibando aos cidadáns da necesidade de acudir de forma presencial ás oficinas da casa consistorial e evitar deste xeito as aglomeracións e as colas.
O primeiro dos vídeos que se publicou é para tramitar instancias xerais, e agora sumase un titorial para tramitar comunicacións en materia urbanística, pero seguiranse realizando outros vídeos explicativos para facilitar os trámites de xeito telemático aos cidadáns.

PUBLICIDADE