O Concello de Ares potencia o acceso á Rede a través de tecnoloxías sen fíos

mércores, 18 de marzo do 2009

O Concello de Ares ampliará as zonas Wi-Fi no municipio, unha iniciativa que puxo en marcha o equipo de goberno ao inicio do presente mandato e que continúa co obxectivo de permitir o acceso de balde a Internet para os veciños en diversos espazos públicos. Deste xeito, nun prazo aproximado de dúas semanas, os servizos informáticos da administración local instalarán puntos de acceso no CIRS de Cervás, que darán cobertura ao aparcadoiro do local, o parque infantil e ao espazo no que está instalada a barbacoa, así como no centro cultural O Outeiro, en Chanteiro, que tamén abarcará o parking, as pistas deportivas, barbacoa e zona de xogo infantil.
Estes dous puntos, ao que se engadirá proximamente outro na Tenencia de Caamouco, súmanse aos que xa están operativos na Casa Consistorial e o seu entorno, o parque Rosalía de Castro, a aula de informática e as Alianzas Aresanas e proximidades.
Precisamente esta mañá o alcalde de Ares, Julio Iglesias, participou xunto coa directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, nos actos de entrada en servizo do acceso a Internet a través de banda larga e con tecnoloxía WiMAX, un proxecto desenvolvido pola Consellería de Industria en convenio co Concello aresán, que solicitara a este departamento da Xunta a posta en marcha desta iniciativa para solventar a imposibilidade dos veciños desta parroquia a conectarse a Internet. Polo tanto, e como destacou o rexedor socialista, estas iniciativas veñen rachar cunha longa etapa e abre outra na que todos os veciños do municipio de Ares terán os mesmos dereitos para acceder ás novas tecnoloxías, cada vez máis necesarias na vida cotiá e laboral.
Ata o momento, son 53 as familias que solicitaron a instalación deste sistema, das que 31 xa contan coa instalación e, polo tanto, xa poden acceder a Internet e demais servizos que se ofertan, mentres que as restantes, correspondentes a veciños de Cervás, terán cobertura nun prazo máximo de tres semanas.
Ademais, Veiguela presentou a dinamizadora que atenderá dous días á semana ás persoas que previamente se inscriban nos centros de Cervás e de Chanteiro para participar en obradoiros de formación na utilización do ordenador para o acceso a Internet. En total, habilitáronse ambos espazos nos locais sociais referidos, que contan, no caso de Cervás, con tres ordenadores de sobremesa, e, no de Chanteiro, con dous, que serán completados con varios portátiles para incrementar na medida do posible a oferta formativa.
En cuestión de días, marcarase unha data de inicio dos obradoiros e abrirase un prazo de inscrición en ditos centros sociais. En total, o investimento foi de 69.426 euros.

PUBLICIDADE