O Concello de Ames chegou aos 9.300 seareiros en Facebook e ás 30.000 interaccións

martes, 3 de xaneiro do 2023 S. P.

O Concello de Ames fixo balance da actividade xerada pola súa presenza nas redes sociais, en moitas das cales (as principais) conta cun espazo de seu, amais de dispor de diversas canles de comunicación e sistemas de avisos coa cidadanía. O balance comeza poñendo o foco na canle de Telegram, dende a que se achegan notificacións das últimas novidades do Concello. O Telegram é un dos tres sistemas personalizados de envío de avisos, actualidade e axenda.
Estes envíos de avisos realízanse tamén a través das redes sociais e de boletíns electrónicos, aos que están subscritas 1.140 persoas. Polo que respecta aos perfís sociais institucionais, que segundo informa o Concello “tamén continúan crecendo”, chegaron aos 9.300 seguidores en Facebook (a de meirande popularidade, dende a cal acadouse en decembro a cifra de 30.000 interaccións e máis de 4.000 reaccións), aos 3.700 en Instagram (con 2.625 visitas no último mes e 126 publicacións compartidas, sumando un 3.385 gústame) e aos 2.200 en Twitter (con 34.000 impresións e 152 mencións en decembro). Amais, a actualidade e a axenda de Ames publícase a diario na páxina web oficial www.concellodeames.gal.
Ademais, a finais de outubro de 2021 a radio municipal Ames Radio inaugurou a súa propia páxina web, na que a veciñanza pode acceder a toda a súa programación en formato podcast, que inclúe espazos informativos e políticos, magazines e os proxectos da Radio Cidadá. Estes novos contidos en liña súmanse á xa existente galería de fotos da web municipal e á canle de Youtube do Concello de Ames, onde se recollen os vídeos máis destacados de diferentes actividades e programas realizados no concello.

PUBLICIDADE