O Concello de Allariz e a Asociación Andrea equipan aos seus burros con GPS para coidar do medio ambiente

xoves, 9 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

Xa case ninguén se lembra dos burros, pero nun recanto de Allariz hai veciños que traballan arreo en contra desta desmemoria e deste baleiro (un baleiro ecolóxico, pero tamén etnográfico, cultural e histórico). Trátase dos integrantes da Asociación Andrea, que levan anos reivindicando a recuperación destes animais nas nosas leiras e montes, amais dunhas condicións de vida dignas e uns coidados axeitados. Froito deste compromiso é a comunidade de burros que habita en San Salvador dos Penedos, en Allariz, ao coidado da Asociación Andrea. Agora, co fin de visualizar a necesidade de salvagardar esta especie e de amosar a súa importancia para o noso medio ambiente, os integrantes de Andrea e o Concello de Allariz veñen de por en marcha unha iniciativa para dotar aos burros de novas tecnoloxías de xeolocalización (GPS) e intensificar o seu labor de pastoreo en extensivo. Con este labor, amplificarase tamén o traballo que desenvolve o burro en materia de protección natural.
No caso concreto dos burros da dita comunidade, o obxectivo é que manteñan limpos, pacendo, espazos singulares da Reserva da Biosfera da Área de Allariz. No que respecta á devandita tecnoloxía GPS coa que están equipados, “amais de permitirlles ampliar as áreas de pastoreo, axudará ao seguimento dos animais, de xeito que se podan controlar as zonas de tránsito rodado ao tempo que permite visualizar o punto exacto onde se atopan”, informan o Concello de Allariz e máis a Asociación Andrea, que este xoves pola mañá, precisamente, presentaron ante os medios galegos o que cualifican de “pioneiro proxecto que mestura o tradicional co moderno co obxecto de manter superficies limpas e limitar a incidencia dos lumes”.

PUBLICIDADE