O Concello da Guarda quere poñer o seu Mercado Municipal na vangarda tecnolóxica

venres, 26 de agosto do 2022 S. P.

O Concello da Guarda vai optar a financiamento europeo para materializar a última fase de modernización do seu mercado, un proceso que implica múltiples frontes de dixitalización para, en última instancia, mellorar a experiencia dos clientes, incrementar as vendas, ampliar mercado, incrementar competitividade e facer marca nas redes e buscadores. Deste xeito, o pasado 4 de agosto presentouse ante o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo un proxecto integral de apoio ao comercio establecido no Mercado Municipal da Guarda no que se solicita unha axuda de 261.172€ procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Segundo informa o Concello, a intervención ten como obxectivo “converter o inmóbel nun referente en calidade, nun espazo para a cohesión social que actúe como tractor do comercio minorista, e en definitiva como dinamizador económico para o resto do comercio local”.
Algunhas das accións concretas que se incluirían dentro desta actuación serían a instalación de armarios individuais intelixentes para a recollida de pedidos fóra do horario comercial do mercado, un programa de formación e mentorización individual para praceiros/as sobre ferramentas dixitais e fomento da economía circular, a creación dun observatorio do comercio, campañas de mercadotecnia dixital, diversas actuacións para fomentar a redución no uso de bolsas e envoltorios de plástico, ou a creación dun espazo denominado A cociña do mercado, que o Concello quere converter nun foco de actividades de dinamización e posta en valor dos produtos do mercado.

PUBLICIDADE