O Concello da Coruña renovará o proxector dixital do Planetario da Casa das Ciencias

martes, 3 de xaneiro do 2023 S. P.

O Concello da Coruña iniciou o procedemento de licitación dun proxecto de renovación do sistema de proxección dixital do Planetario da Casa das Ciencias. A adquisición por parte da Administración municipal deste novo sistema contará cun orzamento de 214.000 euros. Segundo fontes do Concello, será a primeira renovación levada a cabo polo Executivo coruñés deste proxector dixital desde o 2009. Este proxecto abéirase ao proceso de melloras dos Museos Científicos locais levadas a cabo polo Goberno de Inés Rey.
Temos o compromiso e a obriga de mellorar os nosos museos, que contribúen a diario á divulgación científica entre persoas de diferentes idades", dixo a rexedora.
O novo sistema de proxección do Planetario contará cunha maior resolución que o anterior, cun mínimo de 2.400 píxeles. Permitirá unha imaxe dixital de vídeo fulldome de 180 por 360 graos e 5 metros de radio. Dende o Concello conclúen que “a tecnoloxía LED ou láser permitirá tamén mellorar a eficiencia deste sistema, así como ampliar a súa vida útil e abaratar os custos das posíbeis reparacións”.

PUBLICIDADE