O Concello da Coruña quere impulsar o comercio cunha app que sexa un escaparate virtual
mércores, 19 de febreiro do 2020
A
Coruña podería contar en breve cunha nova ferramenta que exerza de
escaparate virtual para o pequeno e o mediano comercio, impulsando a
súa transformación e ampliando a súa marxe de mercado cara aos
novos hábitos (tecnolóxicos) dos consumidores potenciais. Así
o fixo saber o Concello durante a sesión da Mesa Local de Comercio
celebrada onte en María Pita, no transcurso da cal o Goberno
local presentou ás asociacións a proposta para o desenvolvemento da
dita app, “unha ferramenta que permita á veciñanza coñecer
os distintos comercios, a súa localización e datos de contacto, así
como os seus produtos a través de diferentes opcións”. O Concello
tamén fixo saber que a través da aplicación, as e os comerciantes
terán a posibilidade de realizar campañas de promoción.
Esta
medida forma parte do Plan de dinamización comercial da Coruña
2020-2021 exposto ás entidades e asociacións para a súa
valoración, un plan que “consolida e amplía as actuacións que xa
estaban en marcha”, e que acubilla iniciativas (a maiores da
aplicación móbil) como por exemplo un programa piloto destinado ao
pequeno e mediano comercio para axudar aos establecementos a superar
os retos da mercadotecnia en liña, as web, as vendas e a
visualización en liña. Dispón dun orzamento de 40.000 euros para a
primeira edición, que se desenvolverá de maio a novembro de 2020.
Esta iniciativa chámase Tendas a exame en liña, que
se complementa con Tendas a exame presencial,
cuxo obxectivo é resolver as principais dificultades ás que se
enfronta un gran número de comerciantes para manter o seu negocio.