O Concello da Coruña, premiado polo CPEIG con motivo do proxecto Smart City

xoves, 26 de xullo do 2012 Redacción

Presentación do proxecto Smart City para favorecer a integración das TIC a nivel local

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de tomar a decisión de recoñecer ao Concello da Coruña polos seus esforzos en materia de fomento da cidadanía dixital. Máis polo miúdo, a plataforma que preside Fernando Suárez concedeulle ao Goberno da cidade herculina o Premio Iniciativa da Administración polo proxecto Coruña Smart City. Este recoñecemento inscríbese dentro dos galardóns que concede anualmente no transcurso da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
O CPEIG quere con este galardón facer un recoñecemento público a aposta que o concello coruñés está a realizar pola I+D+i e as novas tecnoloxías, “dous desafíos esencias para o desenvolvemento económico e social da cidade herculina, e de Galicia en xeral”. Segundo salienta a carta remitida polo ente colexial ao alcalde da Coruña, Carlos Negreira, para comunicarlle a concesión do premio, “a sensibilidade tecnolóxica amosada avala á Coruña como a primeira cidade galega que forma parte da Rede Española de Cidades Intelixentes”.
A distinción, informa o Colexio, insírese nos premios anuais que o CPEIG entrega dentro da súa gala, denominada Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que este ano se celebrará o 23 de novembro, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. Este evento representa un punto de encontro para os colexiados e colexiadas, e conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos do ámbito TIC.
Cuarta Noite da Enxeñaría en Informática
Esta será a cuarta edición da Noite, que cos seus premios recoñece a aquelas iniciativas e persoas destacadas dentro do ámbito da Enxeñaría Informática. Ademais da categoría Iniciativa da Administración, tamén se entregará a categoría Traxectoria Profesional, concedido a título póstumo ao investigador e profesor da UDC Víctor Gulías; e as seguintes, aínda sen fallar: Iniciativa Emprendedora, Proxecto Fin de Carreira, Iniciativa Empresarial e Premio Ada Byron, novidade deste ano que pon a énfase no traballo das mulleres no eido da Enxeñaría en Informática.
A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia é un acto consolidado mediante o cal o CPEIG visualiza a súa presenza na sociedade galega, o traballo desenvolvido polos enxeñeiros e enxeñeiras en Informática e as iniciativas empresariais e académicas relacionadas co sector TIC.

PUBLICIDADE