O Concello da Coruña e Ferrovial cederán equipos informáticos destinados a finalidades sociais

martes, 21 de febreiro do 2023 S. P.

O Concello da Coruña (a través da Fundación EMALCSA) e Ferrovial Servizos (Serveo) puxeron en marcha un novo acordo de colaboración a través do que se doarán equipos informáticos para o desenvolvemento de diversas iniciativas sociais na cidade. Ao abeiro deste acordo, Serveo doará un total de 47 equipos informáticos de sobremesa, oito ordenadores portátiles, dous teclados e 13 ratos de mesa co obxectivo de “apoiar e levar a cabo proxectos de índole social, destinados aos colectivos en risco de exclusión social”.
Os equipos destinaranse a tres fins principais: á realización de cursos e obradoiros a través de asociacións e entidades beneficiarias dos programas Deporte Solidario e Inclusivo e Cultura Accesíbel e Inclusiva, da Fundación EMALCSA; á súa cesión a familias en situación de risco ou exclusión social para o seu uso por menores escolarizados, con fins didácticos, e, por último, á cesión a entidades non lucrativas de iniciativa social e domiciliadas no ámbito territorial da Coruña, axudando ao desenvolvemento dos seus fins de utilidade social.
O acto de formalización do convenio celebrouse este venres 17, ás 12.00 horas, na sede da asociación Participa para la Inclusión Social.
A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, e vicepresidenta da Fundación EMALCSA, Yoya Neira, e a delegada de Serveo en Galicia, Inmaculada Arena Lanzas, asinaron o acordo, acompañadas polo xerente da Fundación EMALCSA, Manuel Aguilar; a directora do servizo municipal de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Carmen Pita; a encargada de relacións institucionais de Serveo, Ángeles Borrajo, a xerente de estratexia e planificación de Serveo, Arantxa Martín; e, por último, a representante da asociación Participa para la Inclusión Social, María Martínez Lemos.

PUBLICIDADE