O Concello da Coruña converterá a Tartexa Millennium nunha identidade dixital

luns, 24 de agosto do 2020 S. P.

O Concello da Coruña vai facer que a Tarxeta Millennium suba un novo chanzo en innovación e en funcionalidades. E farao converténdoa “nunha verdadeira identidade dixital” que poderá carrexarse no móbil de cada quen, o que permitirá, en palabras do Goberno local, “ampliar o número de servizos que presta na actualidade”. Por exemplo adquirir entradas para espectáculos, formalizar a inscrición en programas de lecer de centros cívicos ou acceder a instalacións deportivas.
O requisito para botar man destas posibilidades é facilitar unha conta de correo ou móbil ou ben usando as credenciais de acceso dalgunha rede social (Twitter, Google, Facebook) que xa teña a persoa usuaria.
O Concello explicou que a identidade dixital incorpora un código QR que se poderá xerar desde calquera teléfono móbil (Android/iOS) e que permitirá o acceso aos servizos municipais. Os trámites para obter a Tarxeta Millennium, que agora precisan de cita previa e do desprazamento das persoas usuarias a algunha oficina municipal, tamén serán obxecto de simplificación, “xa que tanto as novas solicitudes como as substitucións por deterioro ou perda da tarxeta se realizarán a través de Internet”, apuntaron fontes do Goberno local, engadindo que o proxecto licitarase os días vindeiros por un importe de 200.000 euros, co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo plurirrexional de España 2014-2020.
O Concello lembrou tamén que a aplicación móbil Millennium, que permite pagar o autobús urbano, atópase arestora en fase piloto cun total de 250 persoas usuarias que o Concello duplicará até os 500 co fin de que se estenda o seu uso e se faciliten os trámites administrativos.

PUBLICIDADE