O Concello da Coruña achega formación dixitalizadora para combater o desemprego

venres, 25 de marzo do 2022 S. P.

A Concellería de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña vai achegar esta tempada unha nova iniciativa de formación en liña totalmente gratuíta para residentes no municipio. Trátase dun programa que pon o foco nas novas tecnoloxías (recursos cruciais para fomentar a empregabilidade) e que ten por obxectivo potenciar as habilidades das persoas participantes, crear mellores perfís profesionais e académicos e xerar maiores probabilidades de contratación en futuros empregos. “Desde os nosos fogares, podemos continuar ampliando coñecementos sen necesidade de acudir a un centro de formación”, sinala o Concello.
O prazo de inscrición será do 28 de marzo ao 13 de abril e poderase matricular na páxina web municipal.
Cada persoa poderá seleccionar as accións formativas das áreas de especialización: idiomas (inglés, francés e alemán en distintos niveis) e administración de empresas (seguridade informática, sinatura dixital, notificacións e rexistros electrónico, trámites en liña coa administración, comunicación, habilidades directivas ... )
“Todas as accións formativas levan competencias moi demandadas na dixitalización que está a experimentar o mercado actual”, explica o Concello, engadindo que as accións formativas estarán dispoñíbeis dunha forma integramente en liña e accesibles na modalidade 24/7, é dicir, durante as 24 horas do día, calquera día da semana.

PUBLICIDADE