O Concello compostelán lanza web para recuperar barrios e patrimonio: revivesantiago.gal

mércores, 25 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Santiago ven de poñer en marcha unha web para informar dos seus plans e accións concretas para converter a cidade nun modelo de sustentabilidade e xestión intelixente. Ou sexa, para informar polo miúdo da súa estratexia EDUSI e do seu programa ReVive, do que forma parte. A páxina en cuestión, revivesantiago.gal, foi presentada onte pola concelleira de Economía, María Rozas, quen tamén deu a coñecer a imaxe de marca do dito programa, unha aposta por “simbolizar a procura dunha cidade máis sustentábel desde o punto de vista social, económico e ambiental”, dixo, poñendo o foco no investimento total da estratexia: 12,5 millóns de euros. Sobre o nome da iniciativa, Rozas apuntou que “queremos que a cidade reviva con actuacións en barrios por tradición desfavorecidos, con programas de emprego, e accións relacionadas coa igualdade entre homes e mulleres”.
Asemade, insistiu na necesidade de poñer en xogo recursos que permitan á veciñanza “recuperar a cidade e o seu patrimonio, que sexan donos e donas dos espazos públicos”.
Respecto da web, sinalou que pretende “facilitar o acceso da veciñanza á información sobre o que é a EDUSI, na que se inclúen actuacións orzadas nun total de 12,5 millóns de euros, dos que 10 millóns proceden de fondos FEDER”.
No acto de presentación tamén participou Fernando Martínez, responsábel da oficina técnica da EDUSI, quen fixo saber que “na nova páxina pódese atopar unha ampla descrición da estratexia e do programa europeo que a sustenta, e facilita o acceso a unha ampla documentación vinculada á mesma”, amais de permitir coñecer en detalle as tres liñas de actuación de ReVive: Accesíbel, Inclusiva e Patrimonial (así como as actuacións concretas en cada unha delas). Complétase cun apartado de novas, para facilitar o seguimento da evolución administrativa de cada acción.

PUBLICIDADE