O Colexio de Xornalistas amosa ás reclusas de Pereiro de Aguiar como atopar información veraz nas redes sociais

mércores, 25 de xaneiro do 2023 S. P.

Este martes 24 de xaneiro celebrouse a quinta sesión do programa Aprendamos a ler a información, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación La Caixa. Participaron, no centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, a xornalista e directora de Voz Audiovisual Fernanda Tabarés e o director da axencia e consultora de comunicación Punto GA Comunicación Manuel Vázquez Sola. O programa pretende ser “unha ferramenta de apoio á reinserción da poboación reclusa feminina a través de diálogos sobre a actualidade e a súa cobertura nos medios de comunicación”.
O Colexio lembra tamén que Aprendamos a ler a información é unha experiencia na que escritores e xornalistas con obra publicada ou con colaboracións habituais nos medios de comunicación trasladarán á comunidade reclusa feminina conceptos básicos para entender a información, buscala nos medios axeitados e colocala nun contexto real socioeconómico, “co obxectivo de servir de axuda á súa reinserción”.
Nesta cuarta xornada Fernanda Tabarés salientou que unha das ferramentas para conseguir a reinserción debera ser a información, pero que moitas das reclusas foran "maltratadas" polos medios, por cuestións como as penas de telediario, o incumprimento do segredo sumarial ou "un xornalismo de sucesos mediocre, baseado en declaracións e tinxido de amarelo". Un panorama aínda máis complicado pola irrupción das redes sociais, dixo. Manuel Vázquez Sola, pola súa banda, trasladou ás reclusas algúns datos sobre a realidade actual da publicidade e alertou sobre o uso de ferramentas como as redes ou os buscadores para informarse: "Coidado con como buscades, Google, Facebook, Tik Tok, etc, son axencias de publicidade. E a publicidade paga para ser vista, a información non".
No centro penitenciario de Pereiro de Aguiar están privadas de liberdade un total de 287 persoas na actualidade, das que 21 son mulleres, que conviven nun módulo do recinto. O programa Aprendamos a ler a información desenvolverase neste centro até o mes de marzo do vindeiro ano, coa participación de distintos xornalistas e escritores.

PUBLICIDADE