O Colexio de Xoiería convoca aos deseñadores galegos para introducilos na tecnoloxía en 3D

xoves, 7 de febreiro do 2013 Redacción

Segue adiante o programa de actividades TIC do Colexio Mestre Mateo de Santiago ligadas ao eido do deseño e elaboración de xoias. Así, logo dos cursos de especialización propiamente ditos (achegados en colaboración co Colexio Oficial de Xoieria e acadándose un aforo completo), chega unha nova actividade formativa, o curso de iniciación ao 3Design, un programa para a elaboración de alfaias a través de computador e en 3D. Segundo informa o dito Colexio Oficial, estamos ante unha ferramenta moi útil e que está a ser empregada por múltiples empresas de todo o mundo (á vista nun documento en PDF sobre o programa) e tamén da nosa terra, como por exemplo a firma Ardentia.
Este curso de achegamento da xoiaría ás TIC é, en palabras do Colexio Oficial, “especialmente adaptado á actualidade que vivimos, na que a demanda de xoias exclusivas, únicas, vai aumentando cada día”. En virtude desta actividade, o alumnado aprenderá a estrutura do interface do programa e menús e debuxará en 2D e 3D con sólidos e superficies. Tamén creará presentacións fotorrealistas, preparará a peza de xoiaría para a súa posterior produción. Ao final do curso, o alumnado poderá desenvolver pezas en 3D, tanto para prototipar coma para realizar catálogos e mostralos nunha páxina web. “O deseñador será quen de crear de xeito interactivo cos seus clientes, en tempo real, calquera xoia”, informa o colexio profesional galego. A actividade formativa virá da man de Manuel Piñeiro, xoieiro e experto docente do programa 3Design.

PUBLICIDADE