O Clúster do Turismo e a Deputación de Pontevedra amosan este xoves o potencial das TIC para atraer visitantes

mércores, 16 de marzo do 2016 Redacción

Arredor de trescentos profesionais do ámbito turístico, hostaleiro e tecnolóxico participarán na segunda edición do Encontro Clúster Turismo. A xuntanza, celebrarase este xoves 17 no Auditorio Mar de Vigo baixo o seguinte epígrafe: Obxectivo 5 millóns, Retos e oportunidades da comercialización e tecnoloxía do Destino Galicia. Foi avanzada onte en todos os seus detalles por responsábeis do Clúster do Turismo de Galicia (César Ballesteros e Diego Otero), pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, así como polo deputado provincial de Turismo, Santos Héctor. A xuntanza diríxese en boa medida a avaliar e amosar os cambios acontecidos no noso xeito de “facer turismo”, tanto para o propio viaxeiro como para quen lle dá acollida. Cambios que, segundo explica a organización, pasaron pola introdución das novas tecnoloxías na comercialización.
“A xornada”, engade o Clúster, “tentará afondar nas novas formas de comercialización dentro do sector turístico así como expor solucións aos retos que supón a irrupción e os cambios que se produciron na forma na que o viaxa o turista 2.0”.
Os persoeiros que participaron na presentación coincidiron en salientar as “grandes potencialidades do noso sector”, que está chamado a “ser a panca que mova a economía da provincia”. Ao fío disto, Carmela Silva destacou a importancia do turismo verde, o enoturismo, o patrimonio cultural, arquitectónico e gastronómico da provincia, “como eixos que deben explorarse para ofrecer aos nosos visitantes unha oferta variada e moi completa de actividades para coñecer todos vos recunchos da provincia”. Pola súa banda, o alcalde subliñou “a riqueza e a gran calidade da oferta turística da cidade e da provincia e agradeceu á Deputación que estes segundos Encontros se desenvolvan por vez primeira en Vigo”.
A xornada, que se celebrará en xornada de mañá e tarde, incluirá mesas redondas e varios relatorios con expertos nacionais e internacionais como o presidente de SEGITTUR, Antonio López, a ex responsábel de VisitLondon, a consultora Mady Keup, ou Raúl García, experto en comercialización MICE e novas tecnoloxías da información. O programa completarase con senllas mesas redondas en torno á análise dos mercados primordiais para a oferta turística galega, coa participación dos responsábeis das Oficinas de Turismo de España de Reino Unido, Alemaña e Estados Unidos e outra sobre as principais ferramentas tecnolóxicas que “mudaron a maneira de entender a comercialización turística” e na que se contará coa presenza de representantes de empresas como Beonprice, ParityRate ou do Instituto Tecnolóxico Hostaleiro. Esta segunda xeira de debate, sinala a organización, será “unha cita imprescindíbel para entendermos como mudou en moi poucos anos o funcionamento da comercialización da oferta turística, na que o emprego da información masiva (Big Data) e o afianzamento do channel manager, que xunta a información de centos de axentes que trocan as súas ofertas de hospedaxe on e off line minuto a minuto, é fundamental”.
As xornadas veñen da man do Clúster do Turismo de Galicia en colaboración coa Deputación de Pontevedra e Turismo de Galicia. A organización prevé que se dean cita varios centenares de profesionais que atoparán “un punto de networking e de posta ao día dos seus coñecementos sobre as novas tendencias nun mercado competitivo e global como é o actual”. Esta é a segunda edición dos Encontros Clúster Turismo de Galicia, que se celebraron por vez primeira en 2014 na Coruña co obxectivo de crear “un punto de encontro e reflexión para o sector turístico galego”.

PUBLICIDADE