O Clúster de Turismo mostra aos nosos profesionais como facer marca nas redes

martes, 28 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Mercadotecnia dixital, atención ao cliente, captación e mantemento de viaxeiros e recursos para facer mercado. Estes son algúns dos ingredientes do menú formativo que prepara o Clúster de Turismo de Galicia para o vindeiro trimestre en dez localidades das nosas catro provincias. Trátase dunha serie de seminarios, obradoiros e xornadas para profesionais do noso sector turístico turístico: arredor de 100 horas de formación a desenvolver entre os meses de setembro e novembro. Con esta nova contribución ao impulso das empresas, o Clúster quere seguir afondando na cualificación dos equipos humanos do sector.
Algúns destes talleres impartiranse en diferentes localidades galegas como Lalín, Pontevedra, Vigo, A Coruña, Sanxenxo, Monforte ou na área de Costa da Morte mentres que outras xornadas desenvolveranse en exclusiva en Santiago de Compostela.
O obxectivo final é “que o maior número de profesionais poidan acceder de balde e de maneira doada á formación”, precisa, en palabras do Clúster, “para afrontar con garantías as esixencias do mercado actual, tal e como se veu facendo nas anteriores edicións deste plan de formación”.
O programa porase en marcha o 4 de setembro cunha charla de José Alcañiz ao redor dunha das temáticas que se estudarán máis plenamente nos obradoiros, a mercadotecnia (marketing) dixital orientada ao sector turístico. Esta charla servirá de presentación dun programa de adestramento para directivos sobre a devandita temática de promoción de negocio nas redes: unha achega formativa de 100 horas que se vai impartir de forma presencial en Compostela os martes e mércores pola tarde entre os meses de setembro, outubro e novembro. Durante este tempo abordaranse cuestións como estratexias de diferenciación na empresa turística; revenue management; xestión de compra e melloras financeiras, mercadotecnia dixital, estratexias e oportunidades de internacionalización ou liderado, entre outras.
Tanto este programa concreto como o resto das accións formativas desta edición estarán a cargo do IESIDE para o que se contará cun equipo de profesionais con ampla experiencia tanto a nivel formativo como de experiencia sectorial.
O calendario completo de xornadas, obradoiros e seminarios xa pode consultarse na web do Clúster, desde onde os interesados poderán acceder a cada un dos eventos e realizar a inscrición, cuxo prazo xa está aberto. O adestramento achegado por estas actividades é de balde.

PUBLICIDADE