O Clúster da Comunicación Gráfica premia ao proxecto #Instagal

venres, 29 de novembro do 2019 Redacción

Nos IV Premios Paraugas de Comunicación e Márketing de Galicia, na categoría de Mellor proxecto social media o xurado tivo a ben seleccionar como iniciativa gañadora a #Instagal, a proposta dos medios públicos galegos, coa que busca retratar a diversidade lingüística de Galicia a través das redes sociais. Estes galardóns foron creados polo Clúster da Comunicación Gráfica para distinguir as mellores campañas, estratexias de creatividade, deseño e artes gráficas e editorial, e accións de mercadotecnia e comunicación de Galicia.
Rosa Vilas, adxunta ao director xeral da CRTVG, e Alba Mancebo, xefa de Extensión Audiovisual da TVG, recolleron este Premio Paraugas no transcurso dunha gala celebrada en Ourense. Na mesma categoría, a CRTVG competía coa Axencia Nasas, coa campaña Edición Memes para Cabreiroá, e coa axencia by Sidecar, con Influencers naturais para Central Lechera Asturiana.
#Instagal, creado en 2019, é unha aposta polo lecer e a divulgación a través da creación de contidos dixitais propios nunha plataforma cos que os medios públicos galegos poñen en valor e descobren palabras galegas en uso. Cada semana proponse unha palabra nas historias de Instagram da Televisión de Galicia para que os usuarios acheguen sinónimos que se empregan na súa zona. Desta forma, dáse a coñecer o uso dese termo nas distintas variedades dialectais da comunidade. Tras a recollida das participacións por parte dos usuarios e a análise desde o servizo de Asesoramento Lingüístico da CRTVG, publícase un vídeo tanto en Instagram como en YouTube en que se comenta a participación, a procedencia e o significado que se lle dá á palabra por toda Galicia.

PUBLICIDADE