O Clúster da Auga Mineral e Termal terá aplicación móbil para sistemas Android

venres, 19 de agosto do 2016 Redacción

A Consellería de Economía e o Clúster da Auga Mineral e Termal de Termal de Galicia veñen de asinar un acordo de colaboración para reforzar o espallamento internacional do sector. Os detalles do convenio foron dados a coñecer polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, e máis polo presidente do Clúster, Antonio Garaloces. A alianza inclúe o desenvolvemento de dúas accións nas que, sinalaron, “a innovación xogará un papel estratéxico”. Así, por unha banda, crearase e estenderase a marca Auga de Galicia, un selo que identificará a calidade do produto e que poderá ser empregado por todas as entidades de envasado de auga mineral -en Galicia, 11- e polos 21 balnearios da nosa terra. Pola outra desenvolverase unha aplicación para teléfono móbil.
A ferramenta para dispositivos, Terras da Auga, estará dispoñíbel para sistemas operativos Android e será de acceso gratuíto para todo o público. A través dela poderemos consultar a localización dos mananciais de auga mineral e dos balnearios, así como dos perímetros de protección dos acuíferos existentes en Galicia. Esta aplicación supón unha posta a punto dunha ferramenta xa dispoñíbel para sistemas iOS, que tamén vai ser obxecto dunha actualización.
Segundo fixeron saber Economía e máis o Clúster, “estas novas propostas facilitarán o posicionamento das empresas do sector nos principais mercados, impulsando a imaxe de calidade, sustentabilidade e innovación do sector a nivel internacional”. Ao fío disto, Conde salientou que o convenio é especialmente relevante porque trata “dun recurso estratéxico para Galicia”, tanto polo seu valor cultural e patrimonial, con máis de 300 mananciais, como polo peso que ten no desenvolvemento presente e de futuro do turismo e da economía galega, “o que se traduce na creación de postos de traballo cualificados”, engadiu.

PUBLICIDADE