O Cluster TIC organiza en Santiago un ambiciosa xuntanza entre empresarios galegos e fondos de capital risco

xoves, 1 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Entre os materiais básicos de construción dunha empresa, amais da idea que lle dá o alicerce, precísase como ben sabemos todos financiamento. A busca desta materia prima non sempre é doada, e máis nestes tempos en que semellan terse pechadas tantas billas, públicas e privadas, que case é máis recomendable non poñerse a contalas. Con todo, cómpre ter en conta que hai máis vida alén das fontes tradicionais de financiamento, e que dun tempo a esta parte estase a facer habitual o contacto cos denominados business angels, entre outros axentes. Dar a coñecer con exemplos prácticos estas e outras canles perante os empresarios galegos do eido tecnolóxico-dixital é o obxectivo do Primeiro Encontro Vindeira Capital Network, xuntanza organizada polo Cluster TIC de Galicia, Vindeira e Gradiant.
O encontro, que se celebra en Santiago os días 6 e 7 de xullo, dará acubillo a unha experiencia concreta de procura de investimentos. Máis polo miúdo, oito ideas de negocio previamente seleccionadas serán defendidas polos seus promotores na procura do apoio financeiro preciso para convertelas en realidades empresariais.
O auditorio destinatario destas presentacións será de gran potencial no que respecta ao pulo desexado: conselleiros delegados e directores de investimento dos fondos de capital risco e business angels especializados no sector TIC e situados na primeira liña do negocio dixital en España (e cuxo rango de investimento oscila entre os 100.000 e os 6 millóns de euros). Segundo informa o Cluster galego, os proxectos que participarán no encontro foron seleccionados de entre vinte aspirantes e abranguen un amplo abanico de nichos de mercado, que van desde o e-Goberno ata as redes sociais ou o gaming. A escolma foi realizada por un comité de avaliación que tivo en conta “a adecuación dos proxectos aos criterios e expectativas dos investidores que asistirán ao evento”.
Segundo engade o Clúster, a alta calidade das iniciativas presentadas fixo que o número de proxectos que finalmente os seus promotores poderán presentar ante os investidores se elevase desde os seis inicialmente previstos ata un total de oito. Entre os responsables de financiamento que se darán cita na xuntanza atópanse representantes das seguintes empresas: Active Venture Partners, Adara, Alta Partners, Bullnet, Emerxía, G8 Capital, Going, Highgrowth, Inveready, Perennius, Enisa, NEOTEC, DADE, Factoria Dixital de Ideas e Intercom. A estas quince entidades cómpre engadir axentes de capital risco galegos, como Xesgalicia, Crecentia, Unirisco e Vigo Activo.
O encontro desenvolverase en dúas xornadas e combinará relatorios e mesas de debate con dúas roldas rápida de presentación dos proxectos a cargo dos seus promotores (Elevator Pitch). Ao longo dos dous días de traballo, emprendedores e financiadores terán ocasión de manter encontros individualizados co obxectivo de concretar acordos que permitan a posta en marcha dos proxectos.
O emprazamento do encontro será o Hotel A Quinta da Auga, Paseo da Amaia 23b na Urbanización Brandía, en Vidán (Santiago).
Programa:
Martes, 6 de xullo
14:30h Cóctel de benvida
16:00h Apertura e presentación do encontro
16:45h Rolda de presentación dos participantes
17:45h Elevator Pitch
20:30h Aperitivo e cea de gala
Mércores, 7 de xullo
09:30h Tendencias do sector TIC en Galicia
10:15h Elevator Pitch
11:15h Coloquio “Capital Risco y TIC: oportunidades e tendencias”
12:15h Colaboracións futuras a través de Vindeira Capital Network
13:30h Clausura

PUBLICIDADE