O Clúster TIC informa repasa traxectorias pasada e futura na súa asemblea de hoxe

xoves, 26 de xuño do 2014 Redacción

O Clúster TIC Galicia celebra este xoves pola tarde a súa asemblea de socios. A cita será en dúas quendas, unha primeira ás 17.30 horas e outra ás 18.00, ámbalas dúas na sede de FEUGA no Campus Sur de Santiago (sede tamén do clúster). O plan do día desta asemblea xeral ordinaria (a segunda no que vai de ano, logo da do mes de abril e da renovación dos órganos de dirección da entidade acordada nesa xuntanza) é tramitar a aprobación do orzamento e máis o plan de actividades para o ano en curso.
Lembrar que a organización chega a esta asemblea cun total de 94 socios: 22 empresas grandes, 66 empresas pequenas, un colexio profesional, un centro tecnolóxico e catro emprendedores. Deste xeito, “vaise abrindo o abano de tipoloxías de socios tal e como está previsto nos novos estatutos”, informan fontes do clúster.
Volvendo ao miolo da asemblea deste xoves 26, sinalar que amais dos procedementos devanditos fixados como orde do día, darase conta das actividades e avances realizados nestes meses para a consecución dos obxectivos da asociación. Informarase tamén das reunións e compromisos acadados coa Consellería Economía e Industria, o IGAPE, a Dirección Xeral de Comercio, Turismo, a Axencia de Innovación (GAIN), a Axencia de Modernización (AMTEGA), a Universidade de Vigo, a Universidade da Coruña, os centros tecnolóxicos e os clústeres europeos. Estas xuntanzas, informa a asociación empresarial galega, teñen “por finalidade a de presentar as liñas estratéxicas do clúster para buscar o aliñamento, a coordinación e a potenciación coas liñas e accións a desenvolver polas distintas administracións e entidades de referencia para o sector TIC”.
A potenciación e ampliación do Fondo de Capital de Inversión, o apoio a emprendedores, a creación de consorcios empresariais especializados para proporcionar solucións a sectores industriais concretos e colaborar coas cidades intelixentes centrarán o informe de xestión e marcarán o futuro inmediato do clúster. Asemade, debaterase o posicionamento do sector TIC galego dentro da estratexia RIS Galicia.

PUBLICIDADE