O Clúster TIC inaugura o 3 de outubro unha serie bimensual de foros de colaboración

luns, 23 de setembro do 2013 Redacción

O Clúster TIC Galicia anunciou estes días que vén de crear un foro periódico para avanzar aínda máis na cuestión colaborativa e no camiño de atopar as metodoloxías máis óptimas, rendíbeis e consensuadas de traballo. Os foros terán carácter bimensual e carácter permanente. A través destes encontros, proporanse cuestións de actualidade para que os socios poidan achegar cadanseu punto de vista e desta maneira impulsar as actividades e o desenvolvemento futuro do Clúster TIC.
Segundo informan fontes do mesmo, o que se busca é atopar un punto de encontro que sexa directo, áxil e distendido, procurando un meirande fluxo de ideas e, polo tanto, máis dinamismo e vitalidade para o Clúster. Da mesma maneira, engaden, os foros serán “o comezo dunha unión de esforzos que facilitará a creación de grupos de traballo e de novos proxectos en colaboración”. Asemade, tirarase proveito destas xornadas para informar das decisións e propostas achegadas nas máis recentes actividades.
Por certo que a primeira xeira celebrarase o vindeiro xoves 3 de outubro, ás 18.00 horas no edificio de FEUGA no Campus Sur de Santiago, sede do Clúster. Na orde do día figura dar conta do informe das últimas actuacións da plataforma empresarial e da proposta de creación de grupos de traballo, incluíndose unha terceira orde para dar acubillo á libre intervención dos asociados.

PUBLICIDADE