O Clúster TIC deixa atrás a fase constituínte e bota a camiñar a pleno rendemento

venres, 12 de febreiro do 2010 Fernando Sarasketa

O Clúster TIC de Galicia hai tempo que deixou atrás a liña de non retorno. A viaxe xa está plenamente en marcha, e o edificio cen por cen constituído. Así quedou constatado tras a Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada este xoves 11 de febreiro en Santiago de Compostela, unha xuntanza que serviu para afianzar posturas, afinar estratexias e, en termos máis concretos, elixir directiva. A asemblea, que usando termos navais supuxo a botadura do barco-Clúster, saldouse coa elección como presidente de Rafael Valcarce Baiget, da firma Arteixo Telecom, quen substitúe neste cargo á presidenta provisional da agrupación durante a constitución da mesma, Beatriz Legerén. O novo responsable do Clúster TIC tivo palabras ao remate da asemblea para resumir os seus obxectivos, que pasan por poñer en valor ao sector TIC galego e impulsar a colaboración entre as empresas e asociacións que integran esta iniciativa tecnolóxica galega, tirando partido da potencia tractora das firmas de meirande tamaño e a axilidade e a capacidade de movementos das máis pequenas.
Valcarce, ademais, amosou o seu compromiso firme para traballar a prol do diálogo no sector, tanto interno como cara a fóra, cos restantes sectores produtivos e coas administracións, tanto no eido galego como no que atinxe ao estatal, abranguendo tamén á Unión Europea no camiño de potenciar o I+D+i real das nosas empresas. O Clúster será, ao seu xuízo, unha lanzadeira inmellorable para facer marca en España e en Europa. O novo presidente da agrupación galega tivo palabras tamén para avaliar o estado de saúde do noso tecido TIC, posuidor dun gran potencial pero algo deficitario, a nivel xeral, de actividade concertada e cooperación. O Clúster, sinalou servirá para potenciar as sinerxías, o traballo colectivo e a loita contra a fenda dixital, que hoxe sitúa a Galicia en desvantaxe no que respecta a outras comunidades autónomas ou fronte aos restantes países da Unión Europea.
Nin a asemblea celebrada en Compostela, nin o impulso ao Clúster TIC, nin esta arela de cooperación que lle serve de alicerce son feitos casuais. Coinciden no tempo cunha crise económica que reclama solucións e vieiros de escape, sendo a industria TIC unha das que probablemente máis alternativas poña en xogo. Por dicilo claramente: o sector, sen ser inmune á crise, ten a día de hoxe unha chave para variar o modelo produtivo. Esta coincidencia de factores, lonxe de ser un atranco, confire especial significado ao Clúster TIC de Galicia, un tecido de empresas con capacidade para impulsar o cambio “cara a unha economía baseada na innovación, a produtividade e o valor engadido, creadora de riqueza e de emprego de calidade”, sinalou Valcarce.
Perante a Asemblea Xeral Extraordinaria, o novo presidente prometeu, ademais, un mandato sen personalismos, aberto á participación de todos os membros do Clúster TIC. Por certo que de acordo cos estatutos da entidade, este mandato terá unha duración de tres anos. A Asemblea Extraordinaria serviu tamén para elixir os membros do Comité Estratéxico, a composición do cal será a seguinte:
· Víctor López García (AVA Soluciones Tecnológicas, S.L.)
· Iago Soto Mata (Quobis Networks, S.L.)
· María Luz Castro Pena (Factoría de Software e Multimedia (Imaxin), S.L.)
· Miguel Ángel Bugarín Pumar (Visual Publinet, S.L.)
· Sebastián Santiago Area (Ozona Consulting, S.L.)
· Gerardo Crespo Riestra, (Gecreri, S.L.)
· José Antonio Román Jiménez, (Sivsa)
· Juan Carlos Suárez Cebreiros (Level Telecom, S.L.)
· César Blanco Gómez (Academia Postal 3 Vigo, S.L.)
· Constantino Fernández Pico (Altia Consultores, S.L.)
· Gerardo José García Alvela (Sistemas Audiovisuales Itelsis, S.L.)
· José Ramón García González (Blusens Technology)
· Manuel Balseiro López (Coremain, S.L.)
· Antonio Rodríguez del Corral (R Cable y Telecomunicaciones de Galicia, S.A.)
· Santiago Cárdenas Botas (Tecnocom, Telecomunicaciones y Energía, S.A.)
· Javier Grandal Bouza (Arteixo Telecom, S.A.)
· Santiago Rey Requejo (Tredess 2010)
· Beatriz Legerén Lago (EGANET)
· Ramón María Lois Santos (AETIC-Galicia)
· Jorge Cebreiros Arce (INEO)
· Ricardo Fernández Fernández (Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia)
· Jesús Rodríguez Castro (Colexio en Enxeñería de Informática de Galicia)
Máis dun centenar de empresas e asociacións
Máis dun centenar de firmas e asociacións constitúen o Clúster TIC Galicia, que pretende contribuír a potenciar a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector empresarial da Sociedade da Información. Ten como obxectivo desenvolver o potencial investigador, xerar coñecemento e formar capital humano cualificado neste tecido produtivo da nosa terra. Dentro do Clúster intégranse, amais de empresas, agrupacións como EGANET (Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías), INEO (Asociación Multisectorial de Empresas TIC), AETIC-Galicia (Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información e Telecomunicacións de España, Consello territorial de Galicia), COETG (Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia) e CPEI (Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia).

PUBLICIDADE