O Cluster TIC de Galicia fai un chamamento á participación no pulo tecnolóxico da nosa terra

xoves, 21 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

O presidente do Cluster TIC de Galicia, Rafael Valcarce, vén de convidar ás tres universidades do país, aos medios de comunicación e ás administracións públicas a participar directamente na devandita fronte común das nosas empresas pertencentes ao sector tecnolóxico-dixital. O convite, que tamén vai dirixido aos axentes financeiros, diríxese a fortalecer na medida do posible o devandito proxecto, fundamental, a xuízo de Valcarce, para que o noso país sexa líder na implantación e o emprego das novas tecnoloxías do coñecemento, “impulsando deste xeito un modelo económico baseado na innovación e a produtividade”, sinala o presidente do Cluster.
Valcarce fixo este chamamento no seu discurso de agradecemento polo Premio Iniciativa Empresarial concedido ao Cluster TIC Galicia por parte do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG). Lembrar que este galardón foi entregado no marco da Segunda Noite da Enxeñería en Informática de Galicia, o pasado día 15 en Santiago de Compostela.
Valcarce, amais de convidar á participación activa, tamén tivo palabras para salientar o “alto nivel” de representatividade do Cluster, que abrangue xa a o 98% do hipersector galego TIC en termos de facturación (incluíndo empresas, colexios e asociacións), con máis de 16.000 empregos directos.
Sinalou tamén que unha das grandes liñas de traballo do Cluster é “contribuír a acabar co minifundismo xenético do noso país e coa histórica economía de subsistencia de Galicia”, poñendo en marcha para iso fórmulas de diálogo e cooperación entre os diferentes actores do hipersector e co conxunto da sociedade civil. “Dos 21 clusters que hai en Galicia só catro teñen máis de cen membros, e un deles é o Cluster TIC; e malia todo diso, o apoio que recibimos está por detrás doutros nove”, sinalou Valcarce, quen no transcurso da Noite felicitou ao CPEIG por ter asumido a vicepresidencia do Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática de España.

PUBLICIDADE