O Clúster TIC consolida escenarios de colaboración en Colombia
martes, 24 de febreiro do 2015
As
roldas
de comunicación e de contacto organizadas entre empresarios galegos
e americanos o ano pasado polo Clúster TIC Galicia xa comezaron
a dar resultados visíbeis. E tamén continuidade. Precisamente, o
presidente da plataforma galega, Antonio Rodríguez del Corral, vén
de participar nunha visita a Colombia con motivo da viaxe
institucional do Goberno galego a diversos países latinoamericanos.
Ao abeiro desta procura de alianzas e colaboracións, Rodríguez del
Corral e o seu equipo mantiveron xuntanzas con empresas e entidades
colombianas que, segundo apunta o Clúster,
amosaron
un alto interese en estreitar ligazóns con firmas TIC galegas.
Nun
plano máis concreto, Rodríguez Del Corral reuniuse cos responsábeis
da Empresa de Telefonía de Bogotá (ETB); co Ministerio colombiano
das TIC; coa Corporación Colombiana Digital (concretamente co
persoal encargado da posta en marcha do Plan Vive Digital, proxecto
gobernamental para mellorar o uso e a infraestrutura
tecnolóxico-dixital do país); coa Oficina Alta Consejería
Distrital de TIC-Bogotá; coa Asociación Nacional de Empresarios
–ANDI; e o Clúster TIC de Antioquía, ACI, Ruta N, UNE, Gobal
Media.
Segundo
informa a plataforma galega, como consecuencia destas xuntanzas, as
nosas empresas contarán cun importante aval para o desenvolvemento
da II Misión Inversa Internacional
Latinoamérica: Colombia – Galicia, e
tamén para a posta en marcha dun convenio de colaboración nas
materias de Internet das cousas e de novas tecnoloxías para a
eficiencia enerxética.
Respecto
da Corporación Ruta N Medellín, unha das entidades coas que
intercambiou experiencias e afianzou ligazóns o noso Clúster,
sinalar que consiste nunha iniciativa dirixida a desenvolver
proxectos e recursos locais para a ciencia, a tecnoloxía e a
innovación. Trátase dunha entidade posta en marcha pola Alcaldía
de Medellín, EPM e UNE, e outro dos seus obxectivos é promover
negocios innovadores baseados en tecnoloxía que incrementen a
competitividade da cidade, dinamicen a economía, fortalezan os
clústeres estratéxicos e posibiliten mellores empregos para os
habitantes de Medellín. Dito doutro xeito: trátase de converter a
Medellín nunha cidade do coñecemento. Arestora emprendeuse dende a
dita Corporación o proxecto de dar forma ao distrito tecnolóxico no
norte da cidade, un área que segundo informa o Clúster TIC Galicia,
“sentará as bases do desenvolvemento económico desta zona,
atraendo empresas vinculadas coa ciencia, a tecnoloxía, e a
innovación, especialmente nos sectores de saúde, enerxía e TIC”.
En definitiva, estamos ante unha boa oportunidade de desenvolvemento
para as nosas empresas do sector, e así o fai saber a plataforma que
dirixe Antonio Rodríguez del Corral.